Archive for Outubro, 2006

Outubro 31st, 2006

E el que tal estará este filme?

Posted in Cinema by emepegues

Fotograma de Optimistas, de Goran Pascaljevic

Aos que gustamos de ver bo cine sen sermos uns eruditos na materia, Cineuropa creounos sempre unha dúbida metafísica, que puxemos aquí no título. Como saber se un filme que se acaba de estrear nos vai prestar ou non? A crítica especializada non nos soluciona moito a vida neste sentido que digamos, en xeral. Daquela, só nos quedaba unha contrarreloxo coa axuda dos colegas: - Fuches ver Chímpriri-chímpiri de Jei Carballeira? Que tal? - Caralluda, pero o derradeiro pase é hoxe ás 7 e son as 7. - Ah, vale…

Isto acabou: Ifrit, Snob e Pawley alíanse nun blog para nos guiar en tempo real sobre os filmes da edición deste ano. Con eses tres perfís tan diversos e complementarios, e coñecéndoos como os coñecemos, a Rede gáñalle unha batalla máis á vida. Aquí.

Outubro 31st, 2006

Panxoliñas e vilancicos revisited

Posted in Música, Pop by emepegues

Apenino

Do mesmo xeito ca no s. XVIII, os compositores de música popular que normalmente desenvolven o seu traballo en castelán bótanse a facer panxoliñas en galego. Daquela, nun estertor aínda por estudar da escola trobadoresca, facían casar nas letras galileo con galego, Galilea con Galicia e Ourense con Oriente, entre outras cousas. Hoxe, Nadadora e Apenino, destacados representantes galegos no pop estatal, fan algo semellante, e titúlano, respectivamente, Escoita, a neve cae arredor, versión do Happy Xmas de John e Yoko, e Panxoliña para Nuna.

A primeira xa se pode escoitar en streaming, na páxina d’A Regueifa. Agora só queda desexar persistencia e que as suban en mp3, eh?, non si?, ;-). E velaquí os rapaces do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, que cantan as de toda a vida, para descargar.

Outubro 30th, 2006

d-fanzíns e blogs

Posted in Literatura, Medios by emepegues

Porco dos Cadernos de Cultura e Derrube

Coa invención e expansión do fenómeno blog semellaba que o fanzín era un soporte de edición obsoleto e pertencente á mitoloxía pop e punk dos 80. Agora que, polo visto, o blog entra en horas baixas (que rápido todo, meu) abrochan vizosos os proxectos en papel. Citaremos tres namais, tanto pola súa actualidade coma pola calidade, e sobre todo pola posibilidade de os conseguir de balde, ben en pdf, ben nos bares: 300, Cadernos de cultura e derruba e -a3-. 

Outubro 27th, 2006

Expos na Rede

Posted in Arte by emepegues

Alg-a Netlabel

Hoxe inauguramos a sección de arte de cpg. O Faro de Vigo sacou hai algo máis dun mes esta reportaxe sobre a autoexposición dixital. Cita como exemplos destacados o proxecto Alg-a, polo que fala Berio Molina, que a cpg nos é moi querido pola cantidade de sons de avangarda que está subindo e que recollemos en Se descóbresque e en emepegués, Roberto González, pioneiro da autoexposición, Sara Sapetti, o ilustrador Javier Aguilera e Carme Nogueira. Nós engadimos os Aduaneiros sem fronteiras, a sección de Fotografía d’A Regueifa Plataforma, e o Proxecto Edición.

More

Outubro 26th, 2006

Podgalego

Posted in Música, Radio by emepegues

Podcast 

O costume de postear sons galegos, iniciado, que eu saiba, por Mariademallou en Casatlántica, polo programa e-music, de Cuac FM e polos Ouveos na noite de Zimmer103, hai xa ben máis de medio ano, está agromar pouco e pouco no blogmillo. Pouco despois destas primeiras mostras, nós, dende música pirateable en galego (emepegues.blogspot.com) comezamos a subir as edicións de Se descobres que a NASA che rouba os discos de cumbias, con algunha ca outra dificultade técnica. Hoxe en día temos en galego podcasts tan currados, por exemplo, coma as Chuzanews de Chuza.

Téndelos todos, e máis, en podgalego.org

More

Outubro 25th, 2006

Máis Alá

Posted in Cinema, Literatura, Música by emepegues

Máis Alá. Vieiros

O portal Vieiros vén de pór en marcha un soportal de cultura ben interesante, Máis Alá. Polos contidos e polo espírito é altamente recomendable para os afectos da Cultura Pirateable en Galego, e xa figura entre as fontes obrigadas deste blog. Incorpora música e vídeo, un paso adiante imprescindible nun medio dixital, e o formato lembra vivamente o das bitácoras. Inclúe unha porcentaxe moi alta de contidos libres, e a imaxe do cabezallo fala por si soa.

Outubro 25th, 2006

Os 100 tolos e Notodofilmfest V

Posted in Cinema by emepegues

 Nodofilmfest

Hoxe traémosvos no mesmo artigo dous festivais de curtas a través da Rede: a V edición do Notodofilmfest, festival de cine comprimido, e Os 100 tolos, “o concurso de vídeos pola Internet do que todo o mundo fala”. Nos dous casos, as obras pódense visualizar e mesmo descargar de balde. Por certo, que non había estar nada mal termos gañador/a en galego: o Notodofilmfest repártevos 35.000 € en premios.

Outubro 24th, 2006

Arraianos de balde

Posted in Cantautores, Literatura, Música by emepegues

Celso Emilio a bailar a muiñeira 

 

A revista Arraianos, feita dende Celanova, ten os seus exemplares para libre descarga no seu sitio. O máis recente, un monográfico sobre Celso Emilio Ferreiro, que logo se ha subir en pdf, ten unha calidade digna de mención: inclúe textos inéditos do poeta e mostras da súa correspondencia, ben reveladora e mesmo polémica, tamén inéditas até agora. Este número foi xa presentado en Celanova e Compostela. En datas próximas presentarase en Vigo.

More

Outubro 24th, 2006

O galego dende Portugal

Posted in Lingua by emepegues

Logo do Copyright galego-portugués  

Vía Invando Vagalumes, e Chuza atopamos esta interesante reportaxe sobre o galego da TV portuguesa. Sen dúbida, o camiño cara a unha reintegración plena entre o galego e o portugués ten que pasar polo coñecemento común e pola eliminación de prexuízos lingüísticos que, por veces, semellan máis fortes no país veciño ca en Galiza.

E viceversa.

Outubro 23rd, 2006

Puta Miseria despídese

Posted in Música, Punk by emepegues

Puta Miseria 1Puta Miseria 

O grupazo vigués de punk rock-teatro Puta Miseria despídese do escenario. Foi o sábado, cun konzerto multitudinario no Anoeta de Vigo, onde, xunto c’O Leo i Arremecághona!!!, tocaron o seu repertorio enteiriño e mesmo fixeron un bis do seu himno Facha Kabrón. Son sete anos levando por Galicia o seu concepto do punk como espectáculo multimerda. Quédanos o seu material no sitio web do grupo e o resto dos proxectos dos seus membros: Essenzia de Lapo, o Centro Social A formiga, etc.

Tendes emepegués deles na nosa emepegueca, no primeiro botón da barra da dereita.