Abaixo a Dentadura!

A Regueifa Plataforma vén de reeditar para libre descarga na Rede o mítico concerto de Voces Ceibes (Benedicto e Bibiano) da transición para arrecadar fondos para Santiago Álvarez, teórico e práctico galego do comunismo morto en 2002 que aínda habiamos reivindicar un chisco máis. O concerto está inzado de consignas e frases célebres do imaxinario revolucionario galego, dende “Galiza Ceibe, poder popular” ata o pinchacarneiro conceptual de Bibiano en Can de Palleiro, ese “Abaixo a Dentadura” que, coreado polo público, se convertía no unánime “Abaixo a Dictadura”.
Voces ceibes comezou a raíz dun concerto de Raimon, o 9 de maio de 1967, no Campus Sur da USC, no estadio da súa Residencia de Estudantes. A partir de aí os membos do colectivo, Bibiano, Benedicto, Xavier, etc., tomaron o testemuño e deron a luz a Nova Canción Galega.
É moi curiosa tamén a historia de Nosa Señora da Guía, incluída neste disco: o fillo máis vello do Zeca, Zé Manel, levoulles a cántiga, que el definía como “raiana”, que se cantaba en celebracións aos dous lados da fronteira infinda, a unha acampada. A partir de aí, Benedicto incluiuna con algunhas estrofas máis en Pola Unión e o Zeca en Com as minhas tamanquinhas, co título de Chula da Póvoa. Pontes musicais para unha fronteira de mentira.